"OS PAXAROS MORREN NO AIRE",
"EU, O TOLO", "MAMASUNCIÓN" |
Ós dez anos Chano é enviado polos seus pais a
Marín, interno no colexio San Narciso, onde estudiará ata sexto de
bacharelato. Segue a ser un rapaz tímido, apoucado e de moi bo
comportamento, estudioso e formal, a pesar de que despois
manifestaría que non era do seu agrado aquel tipo de educación,
disciplinada, con formación relixiosa e do espírito nacional. Eu
son un reaccionario daquela educación, deixounos dito. As súas
lembranzas sobre ese período eran frontalmente opostas, por minguadas,
ás lembranzas da infancia, nas que sempre se recreaba, se estendía e
diluía con gusto. A etapa de Marín, onde pouco máis sabemos có feito
de seren tempos escasamente felices, que a súa evasión principal era a
práctica do fútbol e que foi o lugar onde tivo a súa primeira noiva,
vese complementada por outra non moito máis feliz se nos atemos o que
Chano nos dicía: a do ano no que estudiou o Preu (curso
preuniversitario) no colexio La Salle de Santiago.
Fíxose universitario no ano 1971, e elixiu a carreira de boticario
por mero compromiso familiar, e porque tampouco había ningunha carreira
que me interesase. Á fin dese curso detéctaselle o mal que xa non o
deixaría en toda a súa vida: a enfermidade de Crohn. Ten que ser
sometido á primeira de moitas operacións cando contaba dezaoito anos.
Como non todo habían ser desgracias, é tamén o ano no que coñece,
nunha festa en Augas Santas na terra do Canón de Pao a Mariluz, a
muller que tamén o acompañaría ata o final dos seus días, e que tería
unha importancia extraordinaria na vocación de Chano por un cinema
galego afirmado nas raíces. El cóntanos así aquela circunstancia: A
partir de casar con Mariluz descubrín unha Galicia diferente. A Galicia
máis vella, máis pura da xente de Rubillón. E quedeime en Rubillón
dalgún xeito. Fíxome sentir o lancexar da terra moi forte. Rubillón
fíxolle lembrar as xentes da aldea que coñecera en Forcarei, pero
tamén alí descubriu
outro eixo primordial do que logo deviría o cerne da súa filmografía:
o mundo da emigración, nunha terra sangrada polo éxodo a América,
onde case cada familia tiña algún dos seus compoñentes en México, en
Brasil, en Venezuela ou na Arxentina, e algunha levaba xa varias
xeracións collendo o camiño que rara vez ten volta, alomenos
definitiva. De aí sería de onde tiraría ese mundo de contrastes que
logo tomaría corpo no cochazo do Birutas, en "Sempre Xonxa",
ou no que trae a maleta cos dólares de "Mamasunción",
circulando os dous polas corredoiras da aldea.
No ano 1974 casa con Mariluz sendo os dous aínda
estudiantes de Farmacia. En 1975 Mariluz regalaríalle o que daría
pé á carreira de cineasta de Chano: un tomavistas Minolta super-8.
Dámonos conta da relevancia de Mariluz, que fornece a Chano do
potencial material para comezar a rodar e pono, por outra banda, en
contacto coa realidade que Chano plasmará no celuloide de xeito
maxistral. Desde que ten esa poderosa arma captadora de imaxes e
é tamén dono desa mentalidade comprometida, tardará só un ano en
escribir o seu primeiro guión, a adaptación para unha curtametraxe
do "Sempre en Galiza" de Castelao, e outro ano máis en poñerse a
rodar. Porálle o título de "Os paxaros morren no aire", e
con ela gañará os seus primeiros premios: o "Filme de Oro" do
Ministerio
de Cultura no Certame de Vilagarcía de Arousa, e o "Quijote de
Honor" do certame Ciudad de Alcalá de Henares, este último xa no
ano 78. A aposta de Chano polo cinema galego e en galego ten lugar, pois,
desde o seu primeiro traballo, algo que seguirá poñendo de manifesto
cando conte con moitos máis medios, tanto teóricos coma técnicos, ó
longo de toda a súa intensa, aínda que breve, filmografía.
"Os
paxaros morren no aire" é un exemplo certeiro do que habería de
ser, co tempo, o setenta por
cen da filmografía de Chano: dificultades técnicas e de guión,
dificultades económicas, dificultades de "distribución" e
un tesón fóra do normal para tratar de mitigar todas esas
dificultades. Chano tivo que facer moitos esforzos e contar mesmo coa
axuda dos propios compañeiros do equipo técnico e do semiprofesional
elenco á hora de adaptar un guión excesivamente complexo para os
medios cos que contaban. Aínda así, o resultado estivo a unha altura
profesional, e acadou os galardóns que enriba citabamos. Trata a
historia dunha rapaza que pretende construír unha ponte imaxinaria
entre dous montes, cavilando que eso sería un grande adianto para a
súa vila. Bótase ó camiño para buscar axuda, e atópase con Castelao
e con Basilio Álvarez, cos que vive a trama desta pequena fábula.
Traballan nela Alfonso Armada, Antón Casal, Pili Lorenzo, Xosé M.
Olveira "Pico" e Xosé Ramón Rodríguez, entre outros. As
localizacións pertencen a Rubillón (a terra de Mariluz), Ponte
Caldelas, Cabrais, Santa Uxía de Ribeira e a praia de Arealonga.
Sen tregua na actividade que xa o ten atrapado, ponse mans á obra coa
súa primeira longametraxe, tamén en super-8 a economía non dá polo
de agora para se lanzar ós 35 mm., que toma corpo no ano 79, aínda que
non se estreará ata o ano 82. Esta titularíase
"Eu, o tolo", tería unha duración de 110 minutos e sería
tamén
a primeira longametraxe do noso cinema, xunto con "Malapata"
(esta en 16 mm. e de 75 minutos), de Carlos López Piñeiro, co
que volvería compartir honra de pioneiro, despois no formato
35 mm., cando os dous estrearon no 89 "Sempre Xonxa" e
"Urxa", respectivamente. A longametraxe rodouse por terras
de Forcarei, Ponte Caldelas, Marín, Muros, Rubillón, Pontevedra,
Esteiro, Vigo e Santiago. É unha obra moi particular dentro da
súa filmografía, moi simbólica, cun marcado ton surrealista e
mesmo satírico. Conta a vida de "Eu", un personaxe
estrafalario
que vivirá diversos aconteceres, coma o de casar cunha bicicleta
que posteriormente será asasinada. Eu será apreixado e metido no
cárcere, fuxirá de alí e chegará a se converter en presidente do
goberno. Como podemos observar, Chano optou nesta súa segunda
obra por unha sátira política un chisco revesgada e metafísica.
Tanto "Eu, o tolo" coma "Os paxaros morren no aire"
teñen
en común o formato no que se rodaron e a forma un tanto curiosa de
exhibición. Coas dúas emprenderon camiño Chano e Pablo Barreiro
polas aldeas, vilas e colexios de Galicia adiante, nunha fermosa
odisea que nos relata Xoán Acuña: "Do mesmo xeito que os
pioneiros,
digamos Isaac Fraga ou José Gil, percorrían Galicia cos aparellos ó
lombo para levar a maxia do cinema ata o recuncho máis afastado da nosa
terra, Chano, que nunca tivo automóvil, tirábase ás estradas, camiños
e corredoiras coas dúas únicas copias da película falaba,
neste caso, de "Os paxaros morren no aire" no peto, facendo
dedo, e listo a subir en calquera cousa de catro rodas, ou incluso de dúas,
que o levará ó seu destino. Proxectaban en garaxes, escolas,
teleclubes, asociacións culturais e de veciños... Eran, como dicía o
director coa súa acostumada retranca, "guerrilleiros todo terreo
", loitando por facer cine galego, desde Galicia e, se era posible,
para todo o mundo ".
Péchase, tras destas dúas primeiras películas, a etapa do formato
afeccionado, o super-8, que xa nunca volverá a utilizar. No que toca á
súa vida familiar establécese, o mesmo ano en que roda "Eu, o
tolo", na cidade de Vigo, onde rexentarán el e mais Mariluz unha
botica da rúa Torrecedeira. E comeza unha nova etapa, pero non
precisamente de relaxación. O escéptico Voltaire dicía que o home
naceu para vivir entre as convulsións da inquietude ou a letarxia do
aburrimento. Resulta evidente que Chano non nacera para a letarxia,
posto que de contado se puxo a esbozar o que había ser a obra pola que
máis se recoñece aínda hoxe. E temos que volver a Forcarei e á nenez,
e tamén á temática da emigración. Chano decide poñer en imaxes a
historia que lembraba daquela velliña, María Rosa da Regueira, que ía
día si e día tamén ó correo, a pesar de que nunca chegaba a carta que
ela agardaba sen desmaio. Agardaba, coa paciencia e a porfía propias da
muller da aldea, recibir algún día novas do seu fillo emigrado a
México sendo a penas un neno. Así, entre o que el lembraba e o que
lembraba Manuel Barreiro, o outro protagonista da historia o carteiro
que se interpretaría a si mesmo, foi confeccionando un guión que el
mesmo cría nun principio demasiado localista, pero que remataría por
ser aclamado no mundo enteiro. O propio Chano nos declaraba no ano 1985:
"Ó principio, pensei que
era un tema exclusivamente galego, pero quedei sorprendido ó comprobar
persoalmente a dimensión universal do tema, que comprende e sinte xente
de calquera parte do mundo".
"Mamasunción" é a crónica dunha pequena epopea dos
sentimentos, a historia dun conto incrible que foi real coma a vida
mesma, pero é, sobre todo, un canto á vida rural, á vida da aldea
ancestral que Chano sentía latexar tan dentro. E é, sen deixar de ser
todo o anterior, unha homenaxe á muller labrega que se había prolongar
e agrandar en "Sempre Xonxa"; un fermoso cumprido a quen tivo
que botar a casa ó lombo, na sangría daquela inclemente emigración
que fixo ficar moitos fogares galegos sen homes. A mesma muller que, ela
soa, armada cunhas gallas, fai fronte ó raposo que se lle mete no galiñeiro ou á que lle sobra valor para parir tamén soa sen axuda de
ninguén outras dúas lembradas escenas de "Sempre Xonxa"; a
mesma muller anónima que inspirara a Xosé Luis Rivas Cruz,
"Mini", aquela canción, crúa e tenra a un tempo, que
titulara "Muller", co seu grupo "Fuxan os Ventos".
Cómpre lembrar que "Mini" estivo de mestre en Forcarei varios
anos e que despois había poñer música, xunto con Pablo Barreiro, á
"Mamasunción" de Chano, e mesmo estivo a piques de
interpretar ó mestre don Xosé Luis de "Sempre Xonxa" antes
de que tomase o relevo Roberto Vidal Bolaño. Nunha das escenas máis
intensas da longametraxe protagonizada por Uxía Blanco, aquela na que
Pancho comenta con Xonxa a decisión xa case firme de se embarcar cara a
América, ela inquíreo: "¿E eu? ", e o home responde, ó
tempo que a aloumiña con ollada triste: "Ti terás que facer de
pai e de nai". Esa mesma foi a realidade que Chano lembraba dos
tempos nos que o mestre de Trasdomonte ía á botica do seu pai. E moi
semellante á que plasmou nunha reflexión do ano 1991, no primeiro
número do efémero Xornal Diario pontevedrés, sobre Forcarei e ese
mundo da emigración, que non me podo resistir a transcribir
integramente para explicar como entendía Chano a propia relación coa
súa vila natal: "Cando quero marcharme
e soñar, cerro os ollos e aparezo en Forcarei. Nos lugares que conservo
na miña memoria, quizais millorados polo paso do tempo ou adaptados ó
meu gusto, pero vivos no meu maxín. Cando preciso atopar o siñificado
dalgúns sentimentos teño que volver alá. Pra recordar a neve que
queima nos ollos, o extenso cheiro a zocos, pizarrín e lameira da
escola. Pra sentir o vento das noites de inverno chamar nas ventás, pra
apalpar o calor do forno do pan mentres abrazaba as chamas. Forcarei
está cheo de nomes de fonda sonoridade, de vellas raíces e cargados de
novas historias por inventar: Xonxa, Aida, Caladiño, Casanova,
Angustias, Dorinda, Queipo, Regina, Sabino, Evangelina, Cosme, Gloria,
Farria, Herculina, Larés, Rosina, Aladino... poden ser os nomes dos
protagonistas de épicas historias por descubrir. Forcarei vivía na
anguria de camiños de esperanza, moitas veces sen retorno: Arxentina,
México, Arxelia, Francia, Bilbao, Alemaña, Panamá, Venezuela, Suíza,
Barcelona... Forcarei vivía esperando cartas que moitas veces nunca
chegaron. Pero nunca perdemos a esperanza e seguimos indo ó Correo
porque sabemos que algún día ten que chegar. Ten que chegar algo. Algo
noso, sorprendente, novo e definitivo que non
sabemos o que é, pero ten que chegar". Toda esa xente, dalgún
xeito,
é a protagonista coral da curtametraxe máis famosa do cinema galego.
Corre o ano 1984, con Chano a piques de cumprir os trinta,
cando se pon mans á obra e se arrodea do equipo xa habitual de
técnicos e actores sobre a base do grupo de teatro Ditea, do que
xurdirán, entre outros, Xosé M. Olveira "Pico" e Antón
Casal.
Funda a productora Piñeiro, S.A., posteriormente mudada en Bubela S.L., e trasládase co equipo ás aldeas de Baíste e Rubillón, no
municipio ourensán de Avión, veciño da Terra de Montes. Chano
escribirá o ano 1985 no xornal La Región que
Baíste e Rubillón son
os verdadeiros protagonistas de "Mamasunción"... As
películas
de ambiente rural precisan que a xente e as pedras ou lousas ou
madeiras falen a mesma fala, teñan o mesmo espírito. É fermoso ver
esta comunión entre a xente e a terra. Por iso a actuación da xente
na nosa película é tan natural, tan sinxela, sen artificiosidade nin
esforzo teatral. A xente fai o que vai facendo tódolos días. Eu tiven
a sorte de toparme coa xentiña de Rubillón e Baíste. Xente á que
admiro por moitos motivos... Fala, como viramos ó comezo, da sagra
comunión entre a xente e a terra, un postulado que antes xa tiñamos
visto, entre outros e de xeito maxistral, no doutor Xoán Rof Carballo,
que nos legou unha fermosa expresión desa afinidade tan particular:
"Tanto
coma a relación interhumana precisa o home a relación coas cousas inertes e cos seres vivos, co mundo animal e
vexetal. Tanto como o agarimo tutelar precisa paisaxes. Esa paisaxe que
formou co home unha unidade na súa infancia, esoutra parte de nós
mesmos, da que, para ter que vivir,
nos temos visto precisados a desvencellarnos coma dunha libranza nutriz
". Ou tamén na reflexión orteguiana de que hay que terminar por
reconocer una afinidad entre el alma de un pueblo y el estilo de su
paisaje. Por eso se fija aquel en este, porque le gusta. Cabería
engadir, da man dun noso coterráneo, o sempre lúcido Manuel Cabada
Castro, que quizais por iso "paisaxe " é, en galego, de
xénero feminino para rematar por asentar esa profunda identidade entre a muller e a
terra. Volvemos sempre á terra e á xentiña que lle dá sentido. A
terra é, como apunta outro coterráneo, o xornalista X.M. Rivas Troitiño,
algo máis ca locación na alma dos galegos.
Ese vencellamento telúrico tan claramente exposto en "Mamasunción"
debeu de ser unha das claves do seu éxito entre a nosa xente, primeiro,
e en todos aqueles lugares onde foi exhibida despois.
O outro
protagonista de "Mamasunción" é Paco Farria, o mandadeiro
carismático que facía as encomendas e lía as cartas á pouca xente
que non sabía ler en Forcarei. Eu cheguei tamén a coñecer a Paco
Farria, un home de quen todo aquel que o lembra fala ben e con respecto
a pesar da súa bohemia e da súa afección polo viño o Farria
desdobrado que fai debeños polas corredoiras anticipa ó peneque que
camiña polas rúas da xenial "Amanece que no es
poco", de J.L. Cuerda. Paco Farria
foi un home con personalidade e prestancia a quen Chano lembraba, nunha
colaboración que eu Ile pedín para o libro das festas de Forcarei do
ano 93, titulada "Artistas de Forcarei", cos seguintes termos:
Farria, o meu querido personaxe
de película, foi un poeta descoñecido, amante da fermosa caligrafía e
creador de poesías sen papel. Por suposto que non hai libros que nos
permitan recoller e recordar os seus sentimentos, as súas dúbidas e
ironías, os seus amores e desamores porque os versos máis sentidos
asoman desde o corazón e quédanse na boca do creador ou no corazón do
que escoita. Os sentimentos máis fondos brotan no aire pra ser
recollidos e compartidos solo por quen ten sensibilidade. Farria facía
poesías porque durmía no cárcere, inda que a min me dá que durmía
no cárcere porque facía poesías. Alí topaba o máis seguro refuxio.
"Mamasunción" calou fondo na
alma dun pobo que, por fin, se decataba do poder do cinema. Aínda que
só fose unha sinxela curtametraxe, tivo a especial misión de levar a
imaxe de Galicia, da emigración e da nostalxia polo mundo adiante. E
fíxoo con moita repercusión. Cabe salientar que recibiu os seguintes
premios: Gran premio do cine español no XXVI Festival Internacional de
Bilbao 84; premio da Federación Internacional de Críticos en
Oberhausen 85 (Alemania); premio da Federación Internacional de
Cineclubes Cracovia 85 (Polonia); gran premio de curtametraxes no
Festival de Figueira da Foz 85 (Portugal); gran premio do Festival de
Tetuán 86 (Marrocos); segunda
película máis votada polo público no Festival de Sydney 85
(Australia). Foi tamén exhibida nos festivais internacionais de Gante (Bélxica);
Uppsala (Suecia); Toldheim (Noruega); Moscova (URSS); Melbourne
(Australia); Newcastle (Inglaterra); Clermont Ferrand (Francia) e Buenos
Aires (Arxentina).
Por primeira vez, o cinema galego era tido en conta fóra da nosa terra,
comprobando que os sentimentos son universais por riba das linguas que
os poidan separar. Reflectía a traxedia da emigración a través dunha
historia ateigada de humanidade. Como pensaba Tarkovski é preciso
retornar unha e outra vez ós mestres, a traxedia é un xénero que
desvela as mesmas raíces da existencia humana, as verdades máis
íntimas e os seus máis profundos significados. "Mamasunción"
foi unha película con éxito polo xeito en como Chano a dotou desa
carga tan fonda e tan real de humanidade. O segredo era que a xente non
actuaba, senón que vivía sentía, choraba e ría no marco da súa
propia aldea.
|